Santiago Futsal e Alto do Vento asinan un acordo de afiliación
O Santiago Futsal e o Alto do Vento Fútbol Sala asinaron un acordo de colaboración para a próxima tempada 2021-22. Coa firma de ambos presidentes, os equipos máis representativos do fútbol sala na cidade selan un camiño conxunto no que se traballará o impulso da práctica deportiva entre a xuventude, así como a progresión de futbolistas e técnicos.
Este acordo permite ao Santiago Futsal ter unha opción preferente sobre aqueles xogadores con maior progresión no Alto do Vento FS. Estes poderán seguir así avanzando na súa formación futbolística. Por outra parte, os xogadores do Santiago Futsal que rematen o seu percorrido polas categorías inferiores sen poder acceder ao primeiro equipo, contarán coa alternativa de xogar para o primeiro equipo do Alto do Vento FS. Ambos clubs colaborarán na cesión de xogadores para intentar axudarse mutuamente e cumprir os obxectivos marcados.
De igual maneira, os adestradores e xogadores das categorías inferiores do Alto do Vento FS poderán participar nos programas impulsados polo Santiago Futsal coas mesmas condicións que os membros da entidade herdeira, como por exemplo, no programa de formación de técnicos, o Clínic ou Campus de Verán e Nadal.
Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto de canteira e de cidade do Santiago futsal, que busca o crecemento da entidade apostando pola canteira da nosa terra.