Inicio sen recompensa para o JERUBEX Santiago Futsal.
O JERUBEX Santiago Futsal recibía ao Ciudad de Móstoles na súa estrea ligueira na Segunda División. O equipo, que comezou a competición na quinta xornada despois de sufrir varios aprazamentos, chegaba a Santa Isabel coa ilusión de iniciarse por fin nesta tempada 2020-2021 e coa gran ausencia da súa afección, que non puido acudir ao encontro.
O partido comezou intenso, salvando Porto baixo paus a primeira arremetida rival no minuto 1. O lucense contraatacou despois cun disparo de lonxe que se foi un pouco longo, pero que avisou aos visitantes. No minuto 6 unha boa xogada entre Cristian e Dani Blanco case pon por diante aos de Santiago, respondendo Chispi a continuación para demostrar que os de Móstoles saían a polo partido.
Despois dunha boa ocasión para Cristian que desviou Recio cara o pau, Carlos puxo o primeiro para os foráneos nunha xogada pola banda esquerda no minuto 11. Case consegue Dani Blanco o empate cunha ocasión que o porteiro rival tivo que mandar a córner, pero o partido foise ao descanso coa vantaxe pola mínima para os de azul.
O equipo de Santiago comezou a segunda parte superando o ritmo dos seus opoñentes, con dúas ocasións seguidas de Porto, a última golpeando o pau con mala fortuna para os de David Rial. Brais atallaba as arremetidas rivais, pero non puido facer nada ante un saque de esquina que chocou contra Alberto Mirás e supuxo o 0-2 no marcador no minuto 26. A continuación, e tan só dous minutos despois, Móstoles conseguía o terceiro grazas a Guille, o que supuxo un duro golpe para os brancos.
A partir dese momento a posesión foi para o JERUBEX Santiago Futsal, que buscaba marcar o seu primeiro gol da tempada, e que ao final conseguiu grazas a un zurdazo de Porto imparable para Álvaro Recio. Os locais seguírono tentando, sacando a Alberto Mirás como porteiro xogador a partir do 37, pero a forte defensa rival non deu opción para máis e o partido pechouse cun 1-3.
O técnico santiagués David Rial
declarou tras o partido que “ na primeira parte notouse a nosa falta de ritmo
en partido oficial. Na segunda parte, cando mellor estabamos, encaixamos dous
goles e a pesar diso o equipo nunca baixou os brazos. Sabiamos que o inicio ía
ser complicado, non nos queda máis que seguir traballando, é o primeiro partido
e aínda nos queda moito”
Min 11. 0-1 - Carlos
Min 27. 0-2 - Alberto Mirás (pp)
Min. 28.0-3 - Guille
Min 35. 1-3 - Porto
Santiago Futsal: Brais García, Alberto Mirás, Brian Niebla, Porto, Cristian, Dani Blanco, Matos, Lucho, P. Liñeira, Saúl Marrupe, Alán.
Ciudad de Móstoles: Recio, Joni, Cristian, Carlos,
Mati, Jorge, Samu, Guille, Kiki, Chispi, J. Martín, Humanes
No comments
Leave a reply
Recent Posts
-
Derrota do JERUBEX Santiago Futsal na súa visita ao Guillermo Molina.
16 Jan, 2021 -
O JERUBEX Santiago futsal disputa o seu segundo partido consecutivo contra Ceuta.
15 Jan, 2021 -
O JERUBEX Santiago Futsal non consegue a vitoria nun axustado partido.
9 Jan, 2021 -
O JERUBEX Santiago Futsal recibe ao U.A. Ceutí.
7 Jan, 2021 -
Saúl Marrupe non continuará no JERUBEX Santiago Futsal
4 Jan, 2021 -
Inicio de ano sen puntos para o JERUBEX Santiago Futsal.
3 Jan, 2021 -
En busca dos tres primeiros puntos de 2021.
30 Dec, 2020