O JERUBEX Santiago Futsal recibe ao U.A. Ceutí.
O JERUBEX Santiago Futsal volve mañá sábado 9 a Santa Isabel despois do seu partido contra Benavente, tamén para recuperar un choque aprazado. Neste caso o encontro celebrarase contra o Unión África Ceutí e correspóndese á Xornada 3 de liga que se debeu disputar o 7 de novembro.
Os composteláns chegan ao partido coa necesidade de sumar e recortar distancias aos seus rivais, recibindo a un Unión África Ceutí que disputou o seu último partido antes de nadal, perdendo contra Leganés por 2-1 como visitante. Como curiosidade, ambos os equipos enfróntanse de novo a fin de semana que vén, no que será a Xornada 10 de liga, esta vez en Ceuta.
O conxunto santiagués quere conseguir os primeiros puntos de 2021 e a segunda vitoria como local e, contando coas baixas confirmadas de Brais e Javi López, está á espera de coñecer os avances de Porto e Álex Ares, que poderían volver a unha convocatoria despois de varias xornadas no dique seco.
“Vimos doutra derrota, pero estamos a demostrarnos a nós mesmos que a pesar das nosas circunstancias somos capaces de competir a calquera. Necesitamos ser capaces de darlle continuidade a eses bos minutos e bos inicios de partido que estamos a facer, temos que exigirmos manter ese nivel os 40 minutos. Durante a semana fóronse reincorporando de maneira paulatina os lesionados e aínda que non estan plenamente recuperados xa realizaron parte das sesións co grupo, o que nos levou a mellorar o noso día a día, algo que era moi necesario” expuxo David Rial na rolda de prensa previa ao partido.
“Creo que nos enfrontamos a unhas dos mellores planteis, é verdade que teñen a baixa de Saúl, que para eles é un xogador esencial, pero son un persoal cun gran talento e gran parte deles posúen gran experiencia en Primeira División “ comentou sobre o rival.
O partido celebrarase ás 19:00
horas e retransmitirase pola conta de Youtube do club.