Crónica: JERUBEX Santiago Futsal vs FS Talavera
Coa chegada da 11ª xornada da LNFS, os santiagueses recibían este sábado en Santa Isabel a un FS Talavera que se situaba xusto por encima da clasificación, aínda que pendentes de disputar tres partidos aprazados. Coa idea de reencamiñar a súa serie nesta campionato ligueiro, os de David Rial buscaban a primeira vitoria do ano e ante o seu público, o que sería unha xesta complicada debido ao rival que terían enfronte.
Comezou o Talavera mantendo a posesión do balón, pero foi Cristian o que tivo a primeira, cun pase de Quintás que Rafa Luque sacou como puido. Anass e Buitre puxeron a pólvora nos primeiros minutos para Talavera, pero unha gran defensa local evitaba calquera indicio de gol para os visitantes.
Eran os talaveranos os que mantiñan a pelota, vendendo os de Santiago cada metro de pista moi caro. Brais, moi seguro como sempre, tivo dúas actuacións claras, pero sen moito perigo grazas ao traballo dos seus compañeiros.
Álex Ares e Cristian buscaron abrir o marcador para os locais, pero a mellor oportunidade da primeira metade tívoa Alán, tras un roubo en campo contrario que a mala fortuna enviou ao pau de Rafa Luque. Achegándose o descanso investíronse os papeis, apertando Santiago e defendendo Talavera, pero sen chegar a estrear o marcador.
A segunda metade comezou cun disparo de Porto, avisando das intencións dos locais. Co mesmo guión que a pimera metade, neste inicio as defensas tiveron máis protagonismo que os ataques.
Cristian contestou unha dobre ocasión dos de Talavera, pero foi Alberto Mirás o que adiantou aos de Santiago ao rematar un saque de esquina no segundo pau. Pouco durou a alegría, pois Andrés conseguiu empatar dous minutos despois, no 27.
O Santiago buscou volver poñerse por diante con ocasións de Brais e Cristian, pegando este unha volea que se estrelou no pau, pero Juanma certificou a remontada no 31, ampliando Alán no 33 en propia porta tras chocar nel un pase do rival que ía cara á portería de Brais.
Santiago saíu de 5 faltando tres minutos para o final, pero non se abría oco ante un FS Talavera ben plantado. Achegándose ao final, Álex Ares volveu estrelar un balón no pau, o terceiro dos de Santiago na tarde/noite.Os minutos pasaron sen premio para os locais, deixando así o marcador no 1-3 final.
David Rial, técnico dos locais, comentou sobre o partido que “ competimos
moi ben, cunha primeira metade na que estivemos moi seguros, concedendo pouco e
podendo ampliar o resultado antes do descanso. Na segunda parte dous erros
nosos fannos encaixar e danlle a volta ao marcador, tendo nós ata 3 paus nun
encontro no que non estivemos acertados de fronte ao gol. O equipo quixo,
cambiou a cara con respecto ao fin de semana anterior e a actitude foi intachable,
aínda que non nos chegou para sumar. O camiño é longo e traballaremos para
conseguir o próximos tres puntos en Móstoles”.
JERUBEX Santiago Futsal: Brais, Alberto Mirás, Brian Niebla, Porto, Álex Ares, Cristian, Dani Blanco, Matos, P. Liñeira, Alán, Quintás.
FS Talavera: Iker, Nacho,
Rafa Luque, Andrés, Asensio, Anass, Caamaño, Juanma, Peli, Pepe, Sergio,
Blecua,Buitre, Hicham, Kike, Manu Cebrián,
Goles:
Min 25. 1-0 – Alberto Mirás
Min 27. 1-1 – Andrés
Min 31. 1-2 - Juanma
Min 33. 1-3 – Alán (p.p)