Os santiagueses son decimosegundos e enfróntanse ao Bisontes Castellón FS que ocupa a décima praza (Sábado, 17.30 h Ciutat de Castelló) 
Viaxarán o venres pola mañá a Valencia e posteriormente a Castellón onde realizarán a última sesión de traballo antes do partido 
Santi Valladares "Será un partido no que se verá o grao de melloría que tivemos” 


Dez días despois do regreso ao traballo do persoal celeste, esta afronta o seu primeiro encontro do 2019 que ademais estreará a segunda volta da competición doméstica. O Santiago Futsal terá que medirse a domicilio ao Bisontes Castellón FS no partido correspondente á 16ª xornada de Liga o sábado ás 17.30h no Ciutat de Castelló. A expedición santiaguesa, que partirá o venres en avión cara a Valencia, quere prolongar a xeira positiva coa que pechou o ano 2018 e asinar un dos seus propósitos do novo ano: acadar unha vitoria no primeiro encontro do 2019. 

O técnico do Santiago Futsal, Santi Valladares analizou o encontro na previa do mesmo. Valladares recoñeceu que a volta ao traballo foi moi positiva con "sesións intensas e alegres”. Tamén apuntou o míster santiagués que "aínda que terminamos ben o ano diría que mesmo agora estamos mellor” pero o realmente necesario é "traducir iso en forma de puntos”. A melloría do equipo celeste é resultado dun longo e duro traballo desde o mes de Setembro "144 sesións de adestramento é o que fixo que o equipo mellorase moitísimo” destacou Valladares. 

En canto ao duelo directo do sábado ante o conxunto castellónes, Santi sinalou "será un partido no que se verá o grao de melloría que tivemos”. Porque aínda que, o Santiago Futsal que se víu no encontro de ida, un partido que se decidíu por un solitario tanto visitante (0-1), foi un partido "de principio de temporada, onde nós tiñamos baixas e non coñeciamos a categoría. Nós non chegamos igual que a aquel partido da primeira xornada.” 

O míster analizou a un Bisontes Castellón FS que, a pesar de contar ao seu favor co factor cancha "mantén a forma de xogar tanto fóra como na casa”. Valladares non augura moitos goles, xa que o seu equipo "é un dos menos goleados da categoría; o grao de compromiso é máximo e iso nótase cando non encaixas goles”. 

Aínda que a distancia actual do Santiago Futsal cos postos de descenso é de 5 puntos (son duodécimos con 17 puntos) e o antepenúltimo clasificado ten 12, Santi deixou claro que "temos un colchón de 5 puntos que é un colchón de aire porque en calquera momento aparece un picotazo e volves estar aí abaixo. A segunda volta vai ser terrorífica. Pola zona de abaixo van saltar faíscas”. 

O plantel viaxará con todos os seus efectivos dispoñibles sen os xogadores Pedro Liñeira e Dani Zurdo.