O Santiago Futsal desprazarase mañá ao Barco de Valdeorras para disputar os cuartos de final da Copa de Galicia
Mídense ao Pizarras Los 3 Cuñados da 2ª División B ás 18.30 h no Pavillón de  Calabagueiros
Santi Valladares "Como equipo rei desta Copa, o Santiago Futsal ten que estar na final”


Tres semanas despois de  enfundarse o mono de traballo (o 16 de Xaneiro enfrontáronse a Palma Futsal no último partido antes do parón de Liga), o Santiago  Futsal retoma mañá una das competicións máis apetecibles para a escuadra santiaguesa. A Copa de Galicia cita mañá aos de Santi Valladares ante o Pizarras Los 3 Cuñados no Barco de Valdeorras ás 18.30 h. Un encontro que definirá o último semifinalista do trofeo autonómico, entre os que se atopan O Parrulo Ferrol FS, O  Esteo FS e Burela Pescados Rubén FS.

Os de Santiago viaxan a Ourense coa clara e única intención de levar un partido que os achegue a revalidar o título do que son máximos representantes con oito figuras "temos que gañar porque este é un obxectivo do club. O Santiago Futsal, como equipo rei desta Copa, ten que estar na final. É unha esixencia”, afirmou o técnico Santi Valladares en rolda de prensa.

Do seu rival na decisiva eliminatoria do trofeo autonómico, o míster comentou "Pizarras Los 3 Cuñados é un equipo forte físicamente. Defende en zona en metade de cancha e fundamenta o seu xogo de ataque en roubos, transicións e situacións de 1x1. Hai que ter coidado, pero máis coidado teñen que ter eles connosco”. E engadíu "no partido de mañá tense que notar a diferenza entre os equipos desde o primeiro segundo de xogo, non podemos andarnos con historias”.

Así mesmo, Valladares amosouse rotundo en canto á actitude que debe de ter o plantel de cara ao encontro de mañá e a continuación da Liga a semana que vén ante  Catgas Enerxía: "O partido de mañá tennos que servir para referendar as sensacións positivas dos adestramentos e afrontar a vindeira semana, e todo o que vén, con garantías”.

O primeiro paso está claro: ser un dos catro semifinalistas da Copa de Galicia. A partir de aí, afrontar con forza e tenacidade o que resta do campionato doméstico para manterse na Primeira División.

Para o encontro de mañá Santi Valladares ten á súa disposición aos quince xogadores que conforman o primeiro plantel, aos que se reincorporou esta semana o veterano xogador santiagués David Palmas. O xogadores do filial Miguel Salgado e Brian Niebla, que se exercitaron estas semanas co primeiro equipo, poderían entrar na convocatoria; esta non se coñecerá ata antes do encontro.