Os celestes reciben a Colo Colo Zaragoza no encontro correspondente á 13ª Xornada de Liga o domingo ás 12:30 h 
Os aragoneses atópanse unha posición por baixo dos galegos cun punto menos 
Santi Valladares "O partido contra Colo Colo Zaragoza é determinante, hai que gañar si ou si” 


A falta de tres xornadas para finalizar a primeira volta da Segunda División da LNFS, o Santiago Futsal afronta dúas semana con senllos encontros na casa; o primeiro deles este mesmo domingo ante un rival directo como é o conxunto aragonés Colo Colo Zaragoza. O domingo ás 12:30h recibirán en Santa Isabel a un equipo que, cun punto menos que os celestes, aséntase na penúltima posición da táboa clasificatoria. 

Aínda que a pasada fin de semana o Santiago Futsal "competiu moi ben nunha cancha complicada na que poucos equipos lograrán gañar” analizaba o seu míster Santi Valladares, este domingo terán que aplicarse a fondo se non queren que se escapen os puntos "teremos que ter paciencia e manexar o partido; é un encontro determinante como foi o de Rivas Futsal e no que temos que gañar si ou si”. 

Valladares destacou a forma de xogo do seu próximo rival "un xogo zonal moi característico que traballamos desde o ataque”. Colo Colo Zaragoza, con 9 puntos, ocupa a 14ª posición, unha menos que o Santiago Futsal que é 13º con 10 puntos. Por iso, o Santiago Futsal confía en prolongar os resultados positivos en Santa Isabel, onde superou a Rivas Futsal 3-1 na 11ª xornada de Liga. 

Para o encontro do domingo o Santiago Futsal conta coa baixa confirma de Everton, que apura os últimos días de recuperación da súa lesión na fascia plantar. 

Outra información

O encontro correspondente á 13ª Xornada de Liga entre o Santiago Futsal e Colo Colo Zaragoza celebrarase este domingo 9 de Decembro ás 12:30h no Pavillón Municipal de Santa Isabel. 

O club reduciu os prezos das entradas para os dous próximos encontros en casa do Santiago Futsal ante Colo Colo Zaragoza e El Pozo Ciudad de Murcia, os dous últimos partidos de Liga en Santa Isabel do presente ano 2018. O prezo para adulto é de 5€, xuvenil 2€ e infantil 1€. 

Apertura de despacho de billetes e de portas ás 11:45h.