O filial Santiago Futsal B asinou a permanencia na Terceira División na última xornada do campionato cunha meritoria vitoria ante o Vila de Cee (5-8)
Recompensa ao esforzo dun plantel moi novo que tamén loitou polo campionato de Liga Xuvenil División de Honra
David Rial "Só podo felicitarlles e darlles as grazas polo esforzo que fixeron este ano”


Sobre as 21h da tarde de onte viviuse unha explosión de euforia e felicidade nun dos vestiarios do Pavillón Municipal de Fisterra. A vitoria que o filial santiagués asinaba a domicilio na cancha do Vila de Cee por 5 goles a 8 aseguráballes a permanencia na Terceira División de Fútbol sala de Galicia unha temporada máis. Como non podía ser doutra maneira, corpo técnico e xogadores celebrárono ao grande cunha fotografía que se colgou en redes sociais e que se fixo  viral en menos dunha hora. O seu técnico David Rial, agradecía o esforzo aos seus xogadores tras a conclusión do encontro "grazas por non rendervos nunca”. E é que a temporada non foi un camiño de rosas para o filial Santiago Futsal B, pero como boa historia de superación "todo esforzo ten a súa recompensa”.

"Sabiamos que polas características que tiña o noso plantel; cunha idade media inferior aos 18 anos e coas tres cuartas partes da mesma de categoría xuvenil, sufririamos na primeira volta. Como así foi”, comenta David Rial. O técnico lembra que a primeira vitoria da escuadra branca chegou na xornada 10 en Bueu "ata aí só conseguiramos dous empates” e apunta que "Rematamos a primeira volta con tan só 8 puntos e gañando únicamente dous partidos”.

A pesar dos resultados "as sensacións eran positivas. Competiramos todos os partidos, perdendo gran parte dos mesmos por pequenos detalles froito da inexperiencia na categoría; algo que sabiamos que na segunda volta non nos penalizaría tanto” sinala David Rial. Co comezo da segunda volta en xaneiro, o equipo empezou a marcar unha liña ascendente "Logramos 23 puntos na segunda volta: nos últimos seis partidos conseguimos 4 vitorias e 2 empates. A falta dunha xornada só 5 equipos sacaran máis puntos que nós nas mesmas xornadas” explicou o novo técnico santiagués e sentenciou "Somos o terceiro equipo menos goleado”.

Pero todo iso é froito de moito traballo "Realizamos preto de 130 adestramentos e a maioría do persoal xogou máis de 50 partidos; dous encontros cada fin de semana durante 8 meses, e competindo pola Liga Xuvenil de División de Honra ata a última xornada, asinamos a permanencia nunha liga tan competitiva como é a Terceira” sinala David.

David Rial só ten palabras de agradecemento para os seus que elevaron termo ‘Club da Loita’ ao seu maior expoñente: "Non me podo sentir máis orgulloso do que fixemos. Fomos Santiago Futsal en estado puro”.

Por outra banda, o xogador do equipo filial Santiago Futsal B e tamén do equipo Xuvenil División de Honra; Alberto Mirás Neira recibíu a convocatoria da Selección Española  Sub-18 para disputar os encontros que o combinado nacional xogará os vindeiros días 22 e 23 de Maio ante Rusia. Os partidos amigables celebraranse en  Segorbe e  Benicassim e servirán de preparación para a Selección Española Sub-18.