Regreso á competición cunha partido clave nas aspiracións santiaguesas por lograr a salvación (Venres 21.15 h,  Esport3)
Os galegos visitan unha cancha na que os locais non lograron gañar esta temporada
Santi Valladares "Agora mesmo os 3 puntos teñen que pelexarse a morrer. Non podemos especular”


O espectáculo da Liga Nacional de Fútbol sala retómase este fin de semana coa disputa da 21ª xornada, e con ela o Santiago  Futsal enfróntase á primeira das 10 finais que restan de aquí ata final de temporada. Visitan o feudo do Catgas Enerxía, undécimo clasificado con vinte puntos; dez máis que os galegos que son décimo cuartos, nun encontro de refachos enfrontados no que os de Santiago queren izar a súa bandeira. Os  colomenses non coñecen a vitoria no seu feudo no presente curso mentres que os galegos, pola súa banda, tampouco lograron sumar un triunfo a domicilio esta temporada. Unha vitoria do Santiago  Futsal achegaría confianza e tranquilidade ao plantel que dirixe Santi Valladares, pero sobre todo significaría un paso de xigante para asinar a permanencia en Primeira. O encontro, venres ás 21.15 h, será televisado a través de  Esport3.

Así o comentou en rolda de prensa o técnico do Santiago  Futsal, Santi Valladares: "Para nós cada partido agora é transcendente. O parón veunos ben para corrixir erros e recuperamos sensacións positivas tras o partido de Copa Galicia, pero agora retomamos a competición dos 3 puntos que é o noso obxectivo prioritario”. Tamén falou das intencións do seu equipo para o partido de mañá, que pasan por "tentar que eles ( Catgas) sigan sen gañar na casa”.

Dos  colomenses, o técnico santiagués quixo destacar "Catgas ten un  grandísimo equipo, no que acompaña grandes fichaxes con xogadores da canteira; que tamén traballan moi ben, pero as cousas non lles están saíndo como agardaban. Na casa non gañaron pero fóra arrincaron moitos puntos porque teñen boa pegada… Ás veces é cuestión de dinámicas; un pouco como nos pasa a nós.”

Valladares afirmou con claridade que non lle vale o empate "Non quero unha X no partido de mañá. Agora mesmo os 3 puntos teñen que pelexarse a morrer. Non podemos especular”. Porque o mes que o persoal galego ten por diante preséntase moi disputado "temos tres enfrontamentos importantes: imos a Santa Coloma, vén Segovia e imos a casa de  Parrulo  Ferrol  FS. Son partidos que determinarán sensacións e como afrontar o resto de encontros restantes ata final de temporada”.

As visitas do Santiago  Futsal á cancha do  Catgas Enerxía resólvense cun balance moi igualado entre ambos os conxuntos: cinco vitorias, un empate e cinco derrotas nos once encontros disputados en Santa Coloma. A última vitoria dos santiagueses a domicilio tivo lugar hai dúas temporada (15/16) por un axustado resultado de 5-6, con gol de Hugo Sánchez a 42 segundos do final.

O conxunto branco partirá en avión mañá pola mañá cara a Barcelona, desde onde se desprazará a Santa Coloma para descansar e disputar o encontro ás 21.15 h. A convocatoria santiaguesa coñecerase esta tarde, unha vez finalizada a sesión de traballo.