O Santiago  Futsal ía a Sevilla a xogar contra o Real Betis  Futsal. Santi Valladares avisou antes de iniciar a viaxe: "imos co obxectivo dos tres puntos”.


Os locais viñan de golear a  Dimurol S. Tenerife e de colocarse como líderes na clasificación da segunda división da LNFS.


Chegou o día e por momentos o Pavillón de Martín pareceu Santa Isabel. Os máis de 100 desprazados da Pena Santi e das Escolas Deportivas  Algar non pararon de animar en ningún momento, o que fixo que os santiagueses xogasen case como na casa.


Durante a primeira parte  Cidao mantivo a portería a cero ata que un gran  zapatazo de Everton en xogada de estratexia conseguiu desfacer o empate no minuto 15. Na outra portería, un gran Álex Pérez seguía facendo o seu traballo de forma impecable ata o descanso.


Co inicio da segunda parte, os locais asediaron a portería do Santiago  Futsal a través de Borja  Blanco  e Rubén  Cornejo, mesmo cun disparo á madeira. Os celestes mantiveron a compostura e  Evertón volveu poñer distancia no marcador no minuto 27.


Pasaban os minutos e o Real Betis  Futsal decidiu sacar ao seu quinto home. Os verdibrancos achegábanse e o tempo corría na súa contra. No minuto 38,  Burrito remata un pase de  Victor Arévalo e achega un pouco máis aos locais, aínda que non quedaba moito tempo para máis. A estupenda defensa exposta polo Santiago  Futsal fixo minguar as ocasións rivais ata que rematou o partido.