O Santiago  Futsal e o Real Betis  Futsal medirán as súas forzas mañá,  sábado día 9 de febreiro, ás 17:00  h no Pavillón Fernando Martín, en San José da  Rinconada, retransmitido a través da plataforma de  streaming LNFS TV.


Ambos conxuntos chegan nun bo momento da temporada: os locais despois de colocarse líderes na última xornada fronte o  Dimurol S. Tenerife cunha folgada vitoria por 10 a 2 e os santiagueses coas súas tres vitorias seguidas, que lles fixeron distanciar do descenso e escalar postos na clasificación.

O choque promete ser intenso e máis contando cos antecedentes do partido da ida, onde o Santiago Futsal loitou con todo ata que a falta de 6 segundos os andaluces decantaron o marcador ao seu favor cun 3-4.

En declaracións previas ao partido o adestrador Santi Valladares destacou o valor humano do seu grupo, que favoreceu a progresión que experimentou ao longo de todo este campionato ligueiro.  Tamén afirmou que "temos moita marxe de mellora aínda pero non imos cambiar o noso discurso inicial”.

En referencia á complicada viaxe que lles espera, o míster comentou que "coñecemos a dificultade da fazaña, pero imos a Sevilla coa intención de gañar os tres puntos”.  Con respecto a como vía ao seu rival e o seu actual estado de forma afirmou que "eles reforzaronse moi ben, tiñan un bo plantel e tras o parón invernal agora mellorárona”.

Os xogadores saíron hoxe venres ás 13 horas do Aeroporto de Lavacolla e a volta do equipo está prevista en voo directo para este próximo domingo día 10 ás 13:00 horas.