Santi Valladares deixou claro que haberá diversos cambios para a nova temporada 2018/2019
O presidente Ramón García comunicou que os encontros se disputarán no Pavillón de Santa Isabel


A rolda de prensa que se celebrou esta mañá para  oficializar a renovación de Santi Valladares como adestrador do primeiro equipo do Santiago  Futsal deixou moitos titulares para os medios de comunicación reunidos na sala de prensa do Multiusos Fontes  do Sar.

Abríu a convocatoria o presidente do Santiago  Futsal, Ramón García Seara; quen destacou que tras materializarse o descenso á división de prata, "unha situación á que nunca nos enfrontamos e na que non estamos afeitos a traballar, houbo que darlle voltas a moitos temas”. Despois de chegar a un acordo con Santi para a súa continuidade, a directiva "agradécelle a valentía de coller ao equipo en Segunda; unha decisión dura e complexa para calquera profesional”. O presidente da entidade destacou que "a partir de hoxe traballaremos para configurar un plantel que nos poida dar, nun prazo o máis breve posible, a alegría de poder pelexar por estar aí e mesmo ascender a Primeira División”.

Posteriormente foi a quenda dun Santi Valladares que desvelou sentirse "de novo ilusionado”. "Estou a ver que hai cousas que están a cambiar. Os pequenos detalles, que son fundamentais para que eu decidise continuar, están a cambiar e iso faime sentir ilusión de novo porque creo que hai un proxecto serio para recuperar ‘iso’ que tivemos sempre e que nos identifica”, comentou Valladares.

O técnico confesou que "ante a nova circunstancia (o descenso) tivemos que pensar as cousas” pero "hai unha boa disposición por parte de todos en volver sacar o club á boia; a nivel económico e equilibralo co tema deportivo”.

A curto prazo, Santi sitúa a idea do proxecto en "recuperarnos como club en todos os aspectos e comezar un novo proxecto con ilusión que nos leve a bo porto”. Para empezar a traballar "primeiro teremos que  formar un equipo que non temos e despois ver as expectativas que se nos presentan. Hai que asentarse na Segunda en todos os aspectos e desde aí volver crecer. A Segunda é moi complicada a nivel deportivo polo que teremos que ir aos noso con ilusión e ganas, aínda que nos leve o seu tempo” sinalou o técnico.

En canto á conformación do plantel para a vindeira temporada Santi foi rotundo con que se realizarán grandes cambios "Buscaremos xogadores cun perfil determinado, pero van cambiar cousas a nivel deportivo como o sistema de xogo. Teremos que adaptarnos ao tema económico cun perfil de xogador acorde á categoría”. Ademais Santi revelou que a día de hoxe, e tras comunicar os xogadores Juanjo Catela e Alex Diz a súa marcha do club,  "os únicos que temos contrato co club somos Everton e máis eu”.

Antes de concluír a conferencia de prensa, Ramón García comunicou a segunda novidade para a próxima temporada.  Os encontros do primeiro equipo na súa primeira temporada na Segunda División disputaranse no Pavillón Municipal de Santa Isabel.