O equipo santiagués recibe mañá ao segundo clasificado de Liga a falta de tres xornada para a conclusión da competición (Venres, 20.45h. LaLiga4 Sports)
Os de Santi Valladares saben que o encontro pasará por estar concentrados e sólidos en defensa
Santi Valladares "Da igual o nome que poña na camiseta do rival que teñamos enfronte, imos dalo todo”


A competición doméstica entra na súa recta final e ao Santiago Futsal esgótanselle as opcións para sumar tres puntos de ouro que lles permitan chegar á última xornada dependendo, unicamente, de si mesmos. A falta de disputarse as tres xornadas finais, os de Santiago mantéñense na 14ª posición, igualados a puntos con O Parrulo Ferrol que é penúltimo con 17 puntos pero co ‘gol average’ gañado sobre os veciños galegos. O reto é maiúsculo: puntuar mañá ante un dos mellores equipos do mundo FC Barcelona Lassa. Os blaugranas chegan ao Fontes do Sar pelexando con Movistar Inter por liderar a táboa clasificatoria. Pero as aspiracións locais pasan por gañar un encontro no que "unha única bala non nos vai a chegar para derrotar ao  FC Barcelona  Lassa, pero imos afrontar como afrontamos os anteriores. Imos dalo todo, sen importar o nome que poña na camiseta do rival que teñamos enfronte” afirmou Santi Valladares.

Santi analizou o encontro da pasada xornada, no que os brancos cederon na  Salobreja por 4 goles a 1: "Enfrontabámonos a un Jaén Paraíso Interior que viña de ser campión de Copa de España, esta semana clasifícase á final da Copa do Rei, é cuarto clasificado da nosa Liga e teñen un plantel equilibrado e que duplica xogadores de nivel en cada posición. Competimos moi ben con 2-1 aínda cando eles estábannos sometendo a moita esixencia. Nos 4 minutos finais que sacamos porteiro-xogador, e sabemos que cando arriscas con xogo de cinco pódese dar que as cousas non saian, así foi como o marcador ascendeu ata ese 4-1 final”. En canto aos números santiagueses desta temporada con porteiro-xogador, Valladares comentou "estamos a facer as cousas exactamente igual que o ano pasado, pero fáltanos que o balón entre en portería. Así como o ano pasado dabámoslle de costado e entraba; este ano dámoslle ben e marcha alta, por pouco… Non nos está a dar os puntos do curso pasado, pero a elaboración das xogadas é boa e a toma de decisión tamén, fáltanos metela”.

Do partido de mañá ante  FC Barcelona  Lassa, o técnico padronés destacou que espera un partido moi valente por parte dos seus "Temos que realizar o mesmo partido que fixemos na ida no Palau  Blaugrana. Un partido que foi televisado, no que Everton lesiónase no minuto 5,  Catela queda no hotel por un proceso  vírico e saímos a xogar con 8 xogadores. Xogamos un partido impresionante, con balón e sen balón. Mañá teremos que facer o mesmo: estar metidos no partido e competir con todo. En defensa estar sólidos e valentes, e con balón estar plenos e efectivos” e engadíu "o problema disto é que cando realizas tal desgaste ante un equipo como  FC Barcelona  Lassa perdes frescura en ataque. Pero estou seguro de que o imos dalo todo”.

A falta de tres xornadas para o final de Liga, o míster asume que a situación do equipo é "delicada” e que "tanto xogadores, corpo técnico como directiva estamos mentalizados diso” pero "non nos deixamos levar polos nervios. É importante estar responsabilizados pero non  atosigados”.


Por último, Santi falou da expectación que xerou este encontro e a elevada entrada que se espera para mañá "Nós sabemos que o apoio dos que veñen sempre o imos a ter, como cada partido. Que a xente que nos acompaña en todo momento vai apoiar e a animar por seguir un ano máis en Primeira. Certo é que cando veñen equipos como  FC Barcelona  Lassa vén máis xente, pero agardro que sexa por nós e non polo rival”.

Os resultados dos encontros precedentes no Fontes  do Sar son favorables para a escuadra  granota, pois contan con sete vitorias nos seus once enfrontamentos en Liga regular. Tres empates e só unha vitoria para a zaga local; 4-3 na temporada 2008/2009.

As únicas baixas do persoal branco confirmadas neste  momento para o encontro de mañá son as de Gonzalo e  Muhammad.

Outra información

O encontro correspondente á 28ª Xornada de Liga que enfrontará a Santiago Futsal  e  FC Barcelona Lassa este venres 13 de Abril ás 20.45 h no Multiusos Fontes  do Sar será retransmitido en directo a través do  streaming de LaLiga4 Sport e lnfsdirecto.com

O encontro foi declarado "Día do Club” polo que todos os asistentes terán que adquirir entrada. O prezo da entrada para os abonados maiores de 18 anos é de 5€, mentres que os abonados menores de idade accederán gratuitamente co seu carné. Para os non abonados o prezo das entradas é de 15€ Adulto, 5€ Xuvenil (14-17 anos) e 2€ Infantil (4-14 anos).

As oficinas do club estarán abertas a tarde do xoves de 16.30h a 20h e o venres pola mañá de 10h a 14h para a venda de entradas. O despacho de billetes do pavillón abrirá ás 19.30h.

No descanso do encontro realizarase o habitual sorteo de material deportivo do club; Camiseta conmemorativa "15 Anos en Primeira”, para o que se poderán adquirir as rifas no  hall de acceso polo prezo de 1€ a rifa.

Apertura de portas ás 19.30h.