Este sábado 13 de Outubro os clubs de Santiago e Baiona compartirán unha xornada de convivencia e formación para os seus equipos de base 


Santiago Futsal e Baíña FS compartirán unhas xornadas de convivencia e formación para os seus equipos de base das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete este sábado día 13 de Outubro no Pavillón Carmen Estévez de Roxos. 

A boa relación existente entre ambos os clubs fixo posible que se realicen ditas xornadas por primeira vez. O camiño destes dous equipos estivo unido desde hai varias temporadas, xa que a entidade baionesa amosou o seu apoio ao Santiago Futsal en diversas iniciativas; así como tamén asistiron aos encontros do equipo santiagués a pasada temporada. 

Esta será unha gran oportunidade para xogadores, técnicos e pais de compartir un día de fútbol sala entre compañeiros e amigos. 

Por outra banda, o primeiro plantel do Santiago Futsal goza dun día completo de descanso e mañá retomará as sesións de traballo coa mente posta no encontro do domingo ante Betis FS. Os santiagueses reciben ao líder da categoría na 5ª Xornada da Segunda División LNFS. A cita, o domingo ás 12:30 h no Municipal de Santa Isabel.